Portelas

Portelas

Portelas, nome da bisbarra pertencente a alta Sanabria, e tamén  a antiga Galicia; de nome As Portelas, onde os seus habitantes falan galego, e por parte dos seus viciños, teñen mais vencello coa vida social, cultural e económica do territorio Ourensán, que  coa terra de Zamora, e a Comunidade de Castela-León postiza, aínda que a etimoloxía sexa a mesma (Portelas - As Portelas).
Ao refirirnos a Portelas tamén estamos a falar dunha abertura que se fai nun valado para o paso,  do  gando, o carro, maquinaria e persoas que de cote traballan nos quefaceres agrogandeiros propios do país. Portelas é unha porta rústica, das moitas que atopamos nos nosos camiños e leiras aldeáns; cadanseu lado adoitan ficar un piar (marcos, padróns, esteos etc..) monólitos que poideron en moitos casos pertencer como elementos integrantes de determinadas áreas ou espazos arqueolóxicos da contorna, mesmo ser reempregados e trasladados dende o seu lugar de orixe (mámoas,  círculos líticos ou pedrafitas). E propio e cotián o reemprego das pedras no mundo aldeán e agrario de Galicia, un dos exemplos mellor documentado sobre este reaproveitamento de monólitos, orixinarios de espazos arqueolóxicos, foi o derrube con intento de roubo da pedrafita de tipoloxía fálica de nome A Lapa de Gargantáns, Moraña, Pontevedra: No ano 1981, dous veciños da zona, dispostos co carro do país, derrubaron dita pedrafita, tamén quixeron montala no carro, non foron quen de chegar a facelo polo moito peso do monólito, a pedrafita ficou abatida, o alcalde de Moraña trasladou aviso do acontecido ó  Museo de Pontevedra, facéndose cargo dunha actuación de urxencia o arqueólogo Antonio de la Peña Santos, quen con tino, control e bo xuizo acadou, -xunto co equipo que coordinaba, do cal este servidor que relata o feito formaba parte- chantar outra vez a pedrafita no seu xusto asento e orientación orixinaria. Coñeceuse a intención destes dous  veciños que quixeron levar a pedrafita: cortar pola metade o monólito poñendo candaseu lado un piar para facer unha cancela. A pedrafita está representada como peza principal no escudo do concello de Moraña, Pontevedra, tamén cunpre función de marco estremo das parroquias de San Martiño de Gargantáns e Santa Xusta de Moraña, ata fai poucos anos foi considerada única e principal pedrafita no ámbito arqueolóxico e do fenómeno megalítico galego, por medio dos seus trazos e liña fisionómica atópase engadida na tipoloxía de pedrafitas fálicas, salientar a súa innegábel semellanza co membro reproductor masculino, mesmo reparando na croa da pedrafita, pódese apreciar a forma exacta da glande do pene, evocación e atractivo sexual pétreo que estas pedrafitas sempre transmitiron, demandar -por medio de supostos rituais orxiásticos- procreación humana, a non esterilidade, fecundación para as terras, as colleitas e o gando.

Dende tempos antigos pódese reparar e confirmar en Galicia, este xeito de reaproveitamento,   - marcos, padróns ou esteos-  tamén con outros empregos: pontellas que cruzan os regos -André Pena en Narón, A Coruña, atopou un suposto esteo megalítico reempregado como pontella de nome Marco de Portonovo, ao mesmo tempo fai de estrema dos concellos de Narón, Valdoviño e San Sadurniño, información publicada no blog  onosopatrimonio de Xabier Moure- ou formando parte dos valados nas eiras, e conformando os piares de portelas e cancelas,  -Moncho Boga fala no seu blog da suposta pedrafita de Marzás, en Ponte Ambía, Baños de Molgas, Ourense, formando piar dunha portela, tamén comenta o caso da pedrafita das Caxadas, necrópole en Vimianzo, A Coruña, elemento pétreo integrado nun valado, tamén a posíbel pedrafita da Capelada II, formando parte dun peche de pedra na Serra da Capelada, Cedeira, A Coruña-, -tamén este servidor que vos escribe pode testemuñar que, entre o remate dos anos setenta e primeiros dos oitenta do século XX, comprobou como a pedrafita de Padriñán ou Pedra do Santo en Sanxenxo, Pontevedra, tamén se atopaba formando parte dun valado de contención de terras, moi preto do lugar onde na actualiade se atopa, evidencia do reaproveitamento funcional da pedrafita no correr dos tempos, situada ao carón do vello camiño nun pequeno rechán, facendo cruce de camiños, -sendeiro neolítico como moitos en Galicia transcurrindo á beira de túmulos, mámoas, lugares de culto (Con da Ventureira) e pedras abaladoiras- hoxe estrada asfaltada que leva de Sanxenxo ata as necrópoles do Con da ventureira, Chan  da Gorita, Chan de Lores, Pedra Cabalaria etc.. a primeira función que debeu de exercer dende a prehistoria está relacionada, segundo a fisionomía e as pegadas rexistradas nas súas caras:  con elementos rituais,  crenzas e cultos sobre a fecundidade, propio desta observación é a redondez da súa croa e puído dalgunha cara -como amosan demais pedrafitas atopadas en Bretaña, vencelladas a este tipo de prácticas fecundantes, estreitamente relacionadas (Galicia-Bretaña) dende a prehistoria- a existencia de coviñas pode relacionar estes cultos coa fecundidade feminina e a procreación humana, representando a coviña como o útero materno presto para enxendrar, evidencia a existencia dunha ferradura, elemento quizais representada con posterioridade no tempo, engadindo suposta fortuna ou sorte á pedrafita como elemento de culto, o rexistro de gravuras na superficie amosa tamén a representación da cruz, sinalando en Padriñán a estrema entre a aldea e o propio pobo de Sanxenxo, Rafa Quintía recolle no seu libro: A Nosa Señora da Lanzada, estudio antropológico de un santuario costero, que a procesión dende Sanxenxo, ao chegar á pedrafita en Padriñán facía unha parada de respecto, a denominación de Pedra do Santo, chega ata os nosos días motivada pola crenza popular (cristianización) de que San Xenxo en vida tiña unha relación coa Pedrafita, mesmo os veciños do lugar afirman que nos relevos dun lateral da pedrafita, nas noites de lúa chea pódese discernir os trazos do rostro do santo-.

O comportamento ancestral que chega ata os nosos días: o feito de sinalar un terreo cun tipo de pedra trasladado ou, extraer dunha chaira ou monte veciño un destes elementos pétreos, mesmo o reemprego dunha pedrafita chantada  nunha aba e trasladala para outra utilidade. Tamén o reemprego en construccións de tipo relixioso como capelas ou igrexas está confirmado, esteos de túmulos e pedrafitas  se atopan asociados a estes templos mesmo formando parte da súa construcción ou relacionados con antigos cultos e crenzas -dende o blog onosopatrimonio de Xabier Moure podemos confirmar que en Sillobre, Fene, A Coruña, un antigo marco forma parte da construcción dunha capela coñecida dende antigo co nome de "A Capela do Marco" neste marco na antiguedade estremaban varios coutos, mais non descartamos  en tempos remotos outro tipo de emprego ou funcións do mesmo, en Cesuras, A Coruña, no monte Medela figura o rexistro do Marco do Monte Medela, cumpreu funcións de marco de estrema entre as parroquais de Paderne e Loureda, neste marco houbo prácticas de culto con "propiedades milagreiras", erguendo a Igrexa Católica unha capela no século XVIII para cristianizar estes elementos de crenzas ancestrais-. As causas desta función de reemprego, na mentalidade dos nosos devanceiros motivados a realizar  actuacións deste tipo poden concentrarse en tres factores: económico, social e relixioso.

Factor económico (práctico): Son moitas a veces nas que os nosos ancestros galegos, adicándose as funcións do agro, empregan o primeiro que lle van á man para realizar algunha función relacionada cas súas necesidades máis importantes ou directas: marcaxe ou separación dun terreo, chantado dun fito nun sendeiro, artellar portelas ou cancelas de acceso as leiras, sinalización dunha eira para o gando ou pasteiros etc...Debeu de acontecer este tipo de práctica de reaproveitamento xusto cando estes compoñentes líticos deixaron de empregarse como elementos de prácticas e cultos dentro da memoria ancestral e milenaria á que pertencian, e dicir, cando a súa simboloxía máxico-relixiosa e cultural xa deixou de ter unha pegada relevante e mesmo esmorecer, trocándose en simples esteos ou fitos, pedrafitas, marcos sen emprego, algúns deles, aparente representativo, é cando, entón, abonda aplicar a eficiencia económica e práctica: !"Ao carón mesmo atópase este marco, como é doado derrubalo.... E mesmo é práctico e aforro tempo"! Así o considera o noso paisano e devanceiro home do agro, e dese xeito pon en práctica a conversión e reemprego destes fitos ou marcos, (exemplo: Pedrafita Lapa de Gargantáns).

Factor social:  Debemos considerar séculos atrás a pobreza radical, mesmo a miseria extrema de moitas familias, e a dificil supervivencia cotiá nunha Galicia, dirixida por poderes eclesiásticos e señoriais, a miseria que rodea a moitas familias, obrigalles a empregar elementos tan sixelos e prácticos como a pedra, para as actuacións e sinalamentos das súas minifundistas e precarias eiras ou propiedades, é por iso comprensíbel que calquer elemento (esteos, mámoas, círculos líticos, pedrafitas etc..) por sinxelo que semelle na actualidade, nesta época de marxinalidade social, representaba un paso grande poder contar no mundo agrogandeiro daquela Galicia con determinados elementos de axuda para as faenas do campo, o gando e os montes.

Factor relixioso:  Non deixa de ser un interesantísimo factor motivador do reemprego dos monólitos, debemos caer na conta, que en Galicia houbo dende tempos moi remotos a constante práctica de ritos, crenzas e cultos a divinidades, espíritos, forzas da natureza e mesmo ó panteón amplo de deuses no ámbito atlántico-celta, dentro das crenzas e cultos Galaicos ós que pertencemos, foi a nosa terra un extenso santuario de permanentes e activas prácticas e ritos, cerimonias, cultos e solemnidades, lugar activo onde calquer fonte, regueiro, praia, lagoa, río, outeiro, con ou penedo, chaira, pía, val, monte, petroglifo, castro, laxe, mámoa, túmulo, pedrafita, círculo lítico, e tamén árbores, covas, cacharelas, carballeiras, etc... cumprian posíbel  función de altar en honor ó mais elevado. É entón cando calquer curruncho da nosa terra ten a consideración de "sacro". Pois é evidente que moitos destes monólitos, cumpriron e cumpren ata os nosos días funcións de sacralidade: culto e crenza para determinadas funcións adscritas a diferentes actos demandantes: solicitude ás pedras para remediar a dor de cadris, ouvidos, cabeza etc..demandando a procreación humana, tamén para espantar a esterilidade, para facer fecunda a colleita, para que o gando non lle viñera mal etc...Logo, pois, non fiquemos abraiados da cantiade de pedras, tamén monólitos que se atopan vencellados e polo tanto reempregados aos elementos que representan a nova fe cristián. Son moitas as pedrafitas na nosa terra que se encontran reempregadas pola Igrexa Católica cumprindo funcións estremeiras: parroquias, coutos, prioratos, granxas, bispados etc.. -mesmo a administración civil, tamén reemprega pedrafitas, mámoas, petrogligos etc.. para as estremas territoriais- abondan as ermidas, capelas, igrexas, camposantos, petos ou cruceiros, que se atopan erguidos sobre a pegada destas ancestrais e milenarias pedras e monólitos, o nome non é outro: cristianización de cultos ancestrais propios das nosas milenarias crenzas, ritos e tradicións, que teñen a súa orixe nos tempos prehistóricos mais antigos da terra galega e da humanidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario